Saturday 04 de May de 2024

“Medicina Gráfica” aborda a importancia da ilustración como vehículo normalizador das enfermidades mentais


O concelleiro de Cultura, Jesús Celemín, participou na presentación dunha iniciativa de Coruña Gráfica, que traerá a especialistas das ciencias da saúde e a autoras e autores de cómic para falaren de traballos nos que o cómic achega este tipo de afeccións

O concelleiro de Cultura, Jesús Celemín, participou esta mañá na presentación de “Medicina Gráfica”, unha iniciativa da plataforma Coruña Gráfica, na que conflúen o deseño e as ciencias da saúde para ser mostra ata despois do Nadal na entrada do museo e xornadas, do 6 ao 8 de novembro na Domus, onde especialistas de ambos os campos corroborarán a ilustración como vehículo idóneo para achegar a realidade de enfermas e enfermos mentais. O edil sinalou a importancia de que estes males se normalicen e por iso a actividade englobará unha serie de parladoiros, proxeccións e obradoiros nos que se abordarán traballos creativos sobre distintas afeccións, así como a edición dun volume, que se distribuirá no Sergas, en colectivos médicos e a través de asociacións implicadas cos pacientes.

O proxecto coordinado por Manel Cráneo parte da premisa de destapar tabús porque moitas veces males como a esquizofrenia “dan reparo á hora de dicilo”. Por iso, a actividade traerá a semana que vén ao museo a xente do mundo da psiquiatría, psicoloxía e medicina de cabeceira e urxencias con autores e autoras, “todos teñen en común que traballaron na medicina gráfica, algúns trasladaron a súa experiencia persoal e contárona nunha novela gráfica sen pelos na lingua como Bea Lema, que gañou o premio Castelao de banda deseñada, organizado pola

Deputación”. Cráneo sinalou que este será o perfil das persoas participantes xunto con profesionais do mundo da ciencia que se atreveron a verter nun tebeo a súa especialidade porque son afeccionadas ao debuxo como Juan Díaz Verde, médico de urxencias en Madrid, “que conta xunto con máis especialistas o que pasa nesta unidade de portas para dentro”. A súa obra trata sobre as necesidades que teñen como gremio e como se encontran saturados de traballo, todo en ton de humor.

Tamén se incluirá unha última vertente que atende a especialistas que buscan a ilustradores para facer un proxecto divulgativo en formato cómic como asociacións de dano cerebral, alzhéimer, párkinson… e fano cun carácter distinto. O resultado é que a ilustración axuda a normalizar, divulgar e rachar con eses tabús, sen ter que consultar en libros científicos densos, senón nun volume que afonda nas enfermidades con naturalidade e é accesible.